A Xunta segue sen revelar os resultados da investigación que supostamente realizou Augas de Galicia para aclarar os vertidos reiterados durante este verán aos ríos Deza e Asneiro.
En resposta a unha pregunta do PSdeG no Parlamento de Galicia, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, limitouse a indicar que tanto Xunta como Concello de Lalín son conscientes e están preocupados por esta situación.
Xa para previr este tipo de situacións no futuro, a conselleira anunciou a licitación, antes de que remate este ano, das obras do novo tanque de tormentas coa previsión empecen no segundo semestre do 2022.
Dende o PSdeG, o deputado Pablo Arangüena lamentou “o desleixo e a pasividade da Xunta” ante o “grave problema ecolóxico” que supoñen os vertidos aos ríos Deza e Asneiro.
Nesta liña, Arangüena lamentou que a día de hoxe siga sen coñecerse ningún resultado da investigación “que debería terse levado a cabo en calquera país que tome en serio a situación dos seus ríos e do seu medio ambiente”.