A Xunta anuncia 436.000 euros para a reforma do colexio de Silleda e o Concello alerta de que é insuficiente

“Agradecemos a inversión, pero non é suficiente”, remarca Manuel Cuiña, que advirte “que estaremos atentos para que non se deixe de lado este centro unha vez acometidas estas actuacións”.
Redacción
febrero 15, 2023

A Xunta acometerá unha importante obra de reforma e mellora do colexio plurilingüe CEIP de Silleda, cun investimento que acadará os 436.000 euros. Así o dixo hoxe o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita a ao centro para presentar os traballos que se van a desenvolver.

Rodríguez explicou que a intervención engloba tres grandes actuacións: a reforma dos aseos da planta baixa, da entreplanta, da planta primeira e da segunda, a substitución das cubertas do edificio de primaria e a ampliación da aula de música.

Dixo que a previsión inicial para esta intervención era de 100.000€, pero unha vez completado o proxecto, o investimento “multiplícase por catro con respecto a esta previsión ata superar os 400.000 euros”, suba derivada da decisión da Consellería de ampliar o número de actuacións e da alza de prezos.

Nestes momentos, estanse ultimando os pasos administrativos para poder licitar o proxecto nas vindeiras semanas.

En canto á obra, que terá un prazo de execución de catro meses a contar desde a adxudicación, prevese que estea rematada en outono.

Ao mesmo tempo, Rodríguez subliñou que esta actuacións suporá unha mellora do confort para a comunidade educativa deste colexio, “na mesma liña que a reforma do colexio Ramón de Valenzuela, que estamos a piques de adxudicar, cun investimento de 391.000€”, onde lembrou que tamén se actúa nas cubertas e nos aseos, entre outros.

Asegurou que “ontando tamén as melloras no instituto Plurilingüe Pintor Colmeiro, o investimento da Xunta en centros educativos de Silleda elévase a 923.000€ na actualidade, o que, en palabras do conselleiro, “é a proba máis evidente do compromiso que temos desde o Goberno galego coas infraestruturas escolares deste Concello”.

A valoración do Concello de Silleda

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, que hoxe xunto coa concelleira de Educación, Ángela Troitiño, acompañou ao conselleiro de Educación na súa visita ao CEIP Plurilíngüe de Silleda, valora positivamente o investimento anunciado para este centro, “pero aínda así non nos parece suficiente á vista do estado do mesmo”.

Cuiña, que lle trasladou o parecer do goberno municipal ao conselleiro durante a súa visita hoxe a Silleda, entende que estas actuacións son as máis urxentes para subsanar “as graves deficiencias que presenta este centro, o máis antigo e co maior número de alumnos e alumnas”.

“Esperemos que unha vez executadas estas cuestións máis apremiantes se continúen acometendo as melloras necesarias para a reforma integral que vimos demandando dende hai anos, ca substitución das ventanas de ferro que aínda quedan, ou a dotación dun patio cuberto ou no seu caso unha pasarela permita ao alumnado do edificio de Infantil chegar sen mollarse ata o comedor do centro”, engade.

Dende o goberno municipal, que incluso no ano 2018 ante o mal estado do centro planteou á Consellería de Educación a construcción dun novo colexio, sempre se viu reclamando esta opción ou no seu caso unha reforma integral para rematar cos problemas e deficiencias existentes, agravadas polo paso do tempo.

“Agradecemos a inversión, pero non é suficiente”, remarca o rexedor, que advirte “que estaremos atentos para que non se deixe de lado este centro unha vez acometidas estas actuacións”, engade.

Novas relacionadas