A praza de Abastos de Lalín queda en mínimos tras o peche de dous postos de venda

A tenda de alimentación saudable “Riquiña” e “Frutas y Hortalizas Ángela” baixan a reixa de maneira definitiva ante o “abandono total” do mercado por parte do Concello. Na actualidade só quedan dúas carnicerías, unha peixería e un posto de froitas, ademais do supermercado.
César Carracedo
octubre 2, 2021

Esmorece a praza de Abastos de #Lalín. O fracaso na xestión deste espazo por parte do goberno local faise cada día máis evidente. O último golpe chega co peche de dous negocios.

Trátase de “Frutas e Hortalizas Ángela” e da tenda de alimentación saudable “#Riquiña”. A renuncia aos postos presentouse no rexistro municipal hai quince días e o peche materializouse esta semana.

No primeiro caso ponse fin a unha etapa de case unha década traballando na #praza. Máis recente foi a instalación de Riquiña, que ve como a clausura chega tras unha última etapa cargada de problemas debido ás obras que se están a facer para mellorar a envolvente e a accesibilidade do edificio.

“Tapáronme a única fiestra que tiña cunha caseta de obra, tiven filtracións de auga no local e, para máis, ninguén che dá ningunha solución ou resposta” coméntalle a #DZ! Isa Crespo.

A propietaria láiase, ademais, de que “isto é un abandono total”. Como exemplo, indica que “só hai que ir botarlle unha ollada a como están os baños da parte de abaixo”. “A praza de Abastos non arranca ou, mellor dito, non fan que arranque”, quéixase Isa Crespo.

Probablemente agora canalice as súas vendas de maneira online, porque “por aquí xa case non entraba ninguén e a maior parte dos pedidos chegábanme por whastapp ou outras canles”.

As palabras resumen un escenario derivado da falta de medidas por parte do goberno municipal.

O mesmo #PP que reclamaba plans de dinamización, reformas integrais e ocupación dos postos cando estaba na oposición, amósase agora incapaz de facer nada no goberno.

Unha mostra moi clara: ao último proceso para adxudicar novos postos no mercado non se presentou nin unha soa proposta.

Para máis, as obras que se están a executar prolonganse máis do previsto, coas conseguintes incomodidades e fuga de clientes.

Novas relacionadas