A “petinfluencer” lalinense Winter gaña o concurso de carnaval solidario de Pets of Spain

Participaba a favor de Bigotes de Lalín nun concurso de fotografías no que tomaron parte unha treintena de mascotas de todo o Estado.
Redacción
marzo 2, 2022

A gata Winter quedou gañadora no concurso no que participaban unha treintena de mascotas de todo o Estado. Tomaba parte nesta iniciativa a favor de Bigotes de Lalín. De feito, Winter é unha gatiña filla dunha gata de colonia de Lalín moi especial que se chama Txeli.

Pets of Spain, a entidade organizadora do evento, tiña como obxectivo unir aos petinfluencers de todo o Estado nun proxecto colectivo no que participen seguidores activos en todo tipo de sorteos, difusións e eventos de apoio ás asociacións protectoras.

Tal e como indican desde Bigotes de Lalín, Winter -aínda que pouco a pouco se vai facendo cada vez máis famosa e cada vez máis marcas de productos e alimentos de mascotas se interesan por ela- “non esquece as súas orixes e aproveita todas as oportunidades para divulgar e promover tanto a tenza responsable como a visibilización da labor das protectoras de animais”.

“É”, explican, “unha firme convencida de que o amor polos animais é un valor que hai que cultivar porque nos fai felices a todos, tanto aos humanos coma ás mascotas”.

Así, “sempre positiva”, decidiu participar cunha “divertida e, ao tempo, elegante fotografía na que posa cun lazo de raso azul no concurso que organizaba Pets of Spain, no que cada mascota representaba a unha protectora da súa elección”.

Tanto Winter, como Carlota Montoto, así como Bigotes de Lalín, expresaron “a emoción que viviron durante o concurso, e o seu agradecemento á organización do evento polo que estas iniciativas supoñen para o mundo das protectoras e do benestar animal”.

Todas queren dar as grazas ás persoas que axudaron cos seus megusta e comentarios a que Winter quedase gañadora. Están especialmente “felices polo alto grao de participación de veciños e veciñas da zona apoiando á pequena e as expresións de cariño”.

“Non era Eurovisión, pero a emoción vivida si podería asemellarse ao que podería ser”, conclúen.

Novas relacionadas

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

O PSOE cifra en 2,5 millóns as axudas directas do goberno central para o sector lácteo en Lalín

Alba Forno cualificou como “histórica para o sector” esta liña de apoio e subliñou a aposta decidida do goberno de Pedro Sánchez para articular respostas coas que facer fronte ao actual escenario de crise na agricultura e a gandaría. Fronte a isto, a secretaria xeral dos socialistas lalinenses denuncia “a parálise da Xunta” e lembra que “a día de hoxe non hai publicada no DOG ningunha medida a favor dos gandeiros”.