A Mancomunidade Terras do Deza entra en vía morta e nun escenario moi complicado de cara ao seu futuro.
Dous dos grupos que forman parte do organismo supramunicipal anunciaron hoxe a decisión de non acudir ao pleno en sinal de protesta polos incumprimentos dos acordos adoptados para acadar unha xestión máis eficaz.
Os primeiros en anunciar a súa intención foron os membros de Compromiso por Lalín. CxL non só non acudiu ao pleno desta tarde, senón que anuncia que non volverá a ningún. O motivo? A “absoluta falta de respecto do seu presidente-marioneta do PP, e deste partido” que “deixaron morrer o órgano supramunicipal”.
CxL enumera unha serie de incumprimentos. “Nin novos estatutos, como se comprometeu dende o primeiro pleno, nin convocatorias en tempo e forma”. Tamén denuncian “incumprimentos dos acordos do pasado mandato con Lalín sobre utilización da maquinaria, ademais de non avanzar na consecución por parte de outras administracións dun novo equipo de maquinaria”.
Son argumentos practicamente idénticos aos esgrimidos polo Partido Socialista, que hoxe tamén anunciaba a súa decisión de non acudir ao pleno convocado para este mércores. Fano, din, “en sinal de protesta polo incumprimento dos acordos adoptados a finais do 2021”.
Ditos acordos pasaban por ter listos, “como máis tardar, os novos estatutos da entidade na primeira quincena de xaneiro, así como por outorgar á Mancomunidade unha xestión eficaz”.
“Visto que a situación de parálise continúa”, afirman, “o grupo socialista ademais de optar por non asistir á sesión desta tarde, solicita a disolución da entidade”.
O voceiro do grupo, o silledense Manuel Cuiña, explica ademais que “como representante do Concello de Silleda, no caso de non disolverse, ou optar pola modernización e mellora da xestión co cambio de estatutos, Silleda seguirá os pasos de Agolada e Dozón e abandonará a Mancomunidade”.
Lémbrase ademais que no pleno de outubro de 2021 os socialistas votaron a favor do incremento nas achegas “por responsabilidade, se ben dende aquela non se deu nin un só paso para mudar a situación de estancamento e nula xestión da entidade”.