A hostalaría de Lalín non quere “nin festas nin Cocido”

”Estamos indo na boa liña e preferimos seguir así que organizar festas e despois pagar as consecuencias en outubro e novembro”, sinalan desde un establecemento da localidade.
Daniel Santalla
septiembre 6, 2021

Unha parte ampla da hostalaría de Lalín rexeita que este ano se realicen actuacións e actividades polas festas das Dores e pola 53ª Feira do Cocido programada en “versión reducida” para o próximo 26 de setembro.

O alcalde de Lalín, José Crespo, convocou para mañá ás 19.00 horas unha reunión co colectivo co obxectivo de “abordar todo o relativo ás Festas de Lalín e ao fin de semana do Cocido”. Segundo puido saber DZ, unha gran parte dos hostaleiros non participarán no encontro negándose así a apoiar tanto o cartel das festas como o do Cocido. “Non queremos que pase como en Melide” din desde un establecemento preferindo non dar o seu nome. Ao tempo afirman que esta é a opinión maioritaria dun gremio “canso de pagar os pratos rotos desta pandemia”.

“Estamos indo na boa liña, está habendo movemento na hostalaría e preferimos seguir así que facer festas e logo ter que pechar nos meses de outubro e novembro que xa adoitan ser malos”. “O diñeiro que van meter en programar eventos e actuacións iría mellor enfocado noutro tipo de liñas de axuda. Pensamos que por moita actividade que se xere as consecuencias serán peores que o beneficio”, recalcan.

A idea do goberno local para este ano era programar uns festexos patronais en palabras do alcalde “escagallados” con actuacións en distintos puntos para evitar que haxa concentracións.

Con respecto á Feira do Cocido están completamente descartados actos masivos como o desfile ou o mercado, mais había previsión de manter actividades lúdicas que xa se están a celebrar no campo da feira e tamén actos institucionais. Isto tampouco convence á hostalaría na actual situación de pandemia. “Ninguén quere cocido e así llo transmitiremos ao alcalde. É preferible esperar a 2022 e facelo ben porque a nós a parte institucional da Feira non nos proporciona absolutamente nada e ese diñeiro iría mellor empregado noutras cuestións”, afirman

Novas relacionadas