Unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Lalín foi requirida o pasado 6 de marzo na peaxe de Lamela da AP-53 ao atoparse un condutor indisposto.
O home dirixíase de Santiago a Lalín acompañado no vehículo do seu fillo e un amigo deste, ambos os dous menores de idade.
Mentres non chegaban ao lugar os servizos sanitarios -que foran avisados previamente- os compoñentes da patrulla auxiliaron ao condutor de 48 anos, veciño da Coruña, o cal estaba consciente, con fortes dores nun costado á vez que con mareos, así como tranquilizando aos dous menores.
Unha vez o condutor foi trasladado por unha ambulancia ao centro de saúde de Silleda, a patrulla fíxose cargo dos menores que o acompañaban ata a chegada da esposa deste, así como do pai do outro menor.
Posteriormente a patrulla acompañou á muller do condutor asistido, a cal mostraba síntomas dun gran nerviosismo, ata o centro de saúde de Silleda onde foi atendido o seu marido.