A estrada provincial EP-6003, que une as parroquias lalinenses de Soutolongo e Doade, estrea novo pavimento coas obras de asfaltado integral que vén de executar a Deputación, cun orzamento total de 171.400 euros.
A actuación foi visitada polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís e representantes municipais que, ademais, fixeron un percorrido polo trazado.
Segundo informa a Deputación nun comunicado, a obra -cun orzamento de 171.400 euros- “deixa en perfectas condicións a vía que une ás dúas parroquias lalinenses”.
O deputado de Infraestruturas explicou que no concello de Lalín hai un total de 10 estradas provinciais e a Deputación realiza constantes investimentos para garantir o seu correcto estado. A que une Soutolongo con Doade era a que se atopaba en peores condicións, polo que o departamento provincial priorizou o seu asfaltado integral para mellor o servizo que se presta á veciñanza destas dúas parroquias.
INVESTIMENTOS DA DEPUTACIÓN EN LALÍN
A Deputación de Pontevedra leva investidos en Lalín un total de 14,7 millóns de euros nos últimos 6 anos, é dicir dende que se produciu o cambio no Goberno provincial. Nestes intres o servizo provincial de Infraestruturas ten tamén en tramitación o convenio para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-6005 en Prado, cun importe superior aos 320.000 euros.
A maiores, a Deputación leva investidos 158.603 euros na mellora da seguridade viaria a través da execución de 14 pasos de peóns sobreelevados e 12 redutores físicos de velocidade.
Outros 41.000 euros investíronse en pintados, uns 7.000 euros en sinalización vertical, 200.000 euros en limpeza e apertura de cunetas, uns 70.000 euros en rozas da vexetación, uns 75.000 euros en incidencias, 370.000 euros en obras ordinarias de conservación de firmes e, finalmente, 20.000 euros na redacción do Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) do Concello de Lalín.