A Deputación de Pontevedra aproba un novo investimento na comarca do Deza.
A Xunta de Goberno vén de dar luz verde ao proxecto de reposición de firmes para mellorar a seguridade viaria da estrada EP-6202, que une as localidades de Rodeiro e Oseira. A obra será licitada por 431.262 euros e o seu coste será asumido integramente con fondos provinciais.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e técnicos da institución provincial, visitaron esta semana a zona de traballo na que se vai actuar, en compañía do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá.
Os traballos de reposición do firme lévanse a cabo co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade das estradas provincias, enmarcados nas tarefas de conservación do modelo de mobilidade sostible e segura da Deputación.
A empresa adxudicataria terá que demoler o firme asfáltico actual en mal estado, proceder ao novo asfaltado, elevar os pozos de rexistro e tapas de sumidoiro ata a nova rasante, instalar as tuberías de drenaxe e pintar o pavimento.
O proxecto sairá nos próximos días a licitación por 431.252 euros e permitirá mellorar as condición de rodadura de aproximadamente 7,2 quilómetros divididos en tres tramos da EP-6202 ubicados ao comezo da infraestrutura, no tramo medio e na parte final colindante con Ourense.