A chef Lucía Freitas será nomeada Valedora da Empanada

Amigos da Empanada entregará a distinción honorífica nunha Gala da Empanada que terá lugar o sábado 8 de abril no Auditorio Manuel Dopazo.
Redacción
febrero 16, 2023

A Asociación Amigos da Empanada de Bandeira anunciou que a chef galega Lucía Freitas, pregoeira da Festa da Empanada 2022, será galardoada co título de Valedora da Empanada da Bandeira o sábado 8 de abril, coincidindo co Día Mundial da Empanada.

Esta distinción honorífica é o máximo título que concede a entidade sen ánimo de lucro a referentes do mundo da comunicación, gastronomía, ciencias, cultura, deporte… En homenaxe á súa traxectoria. Os Valedores e Valedoras da Empanada adquiren o compromiso de defender á empanada galega en xeral e a Festa da Empanada da Bandeira en particular, alá onde vaian, converténdose en embaixadores dun dos produtos máis significativos da gastronomía galega.

No ano 2022, foron premiados Alfonso Rueda, Pepe Domingo Castaño e Fernando Ónega. Agora será a quenda da prestixiosa cociñeira Lucía Freitas, que se suma á xornalista María Lama e a outras personalidades que se irán anunciando nas vindeiras semanas.

Andrés Seoane, presidente de Amigos da Empanada, destacou “o inmenso e valioso talento feminino que existe en Galicia” e puxo en valor “a necesidade de que as crianzas medren con mulleres referentes en todas as áreas”. A Gala da Empanada será o pistoletazo de saída a toda a programación de verán que está a ultimar Amigos da Empanada, coa mirada posta na obtención do título de Interese Turístico Nacional no ano 2024.

Lucía Freitas

Lucía Freitas naceu o 12 de marzo de 1982 en Santiago de Compostela. Aos 19 anos trasládase ao País Vasco a estudar cociña na Escola Superior de Hostalería de Artxanda (Bilbao). Tras rematar, estudou pastelería, chocolatería e xeadería na Escola de Sobremesas de restaurante Espai Sucre (Barcelona) da man de Jordi Butron, Ramón Morató e Angelo Corvitto. Posteriormente seleccionou moi ben os restaurantes nos que traballar para seguir aprendendo todo aquilo que máis lle interesaba: traballou no “Celler de Can Roca (Xirona), para coñecer de primeira man a pastelería de Jordi Roca; no restaurante o “Bohío” (Illescas) aprendeu todo o referente ao mundo das carnes da man de Pepe Rodríguez; pero foi en Mugaritgz (Errenteria-Gipúzcoa) onde descubriu o mundo verde e as hortas e onde se impregnou da filosofía e dos valores que rodean ao produto de proximidade que tanto caracterizan hoxe o seu traballo. Con todo, foi o seu paso pola prestixiosa “Relais & Chateau” como xefa de pastelería do seu restaurante “Tápies”(Lérida), o que lle deu a visión máis económica e estratéxica da gastronomía como negocio.

En Mallorca traballou duramente ata conseguir o diñeiro suficiente para regresar a Galicia e abrir o seu propio restaurante. O 6 de maio de 2009 abre “A Tafona” (Santiago de Compostela), que naceu como unha casa de comidas na que pretendía abrir a todo o público unha cociña máis elaborada. Aos tres meses da súa apertura, gaña o seu primeiro premio no concurso de tapas da cidade (o máis prestixioso de Galicia e que gañou 5 veces máis). No ano 2016 obtivo o segundo posto no concurso nacional “Cociñeiro do Ano”. Nese ano iníciase tamén o proxecto “Tomiño” en Nova York, que supuxo para ela a internacionalización da súa cociña galega máis tradicional, abrindo en 2017 e conseguindo en 2018 o seu primeiro premio, o “Bib Gourmand” da prestixiosa Guía Michelin. En 2017 refórmase “A Tafona” cambiando o concepto gastronómico e eliminando o menú do día, quedándose unicamente con 5 mesas e obtendo só un ano despois, a súa primeira estrela Michelín. Unha semana máis tarde, abre LUME (Santiago de Compostela), un novo concepto de barra gastronómica na que cociñar sen etiquetas, “slow food a lume de carozo”, e que posicionou a Lucía como unha das mellores empresarias gastronómicas en España.

Na imaxe, Lucía Freitas nunha visita a Lola Sangiao, gañadora do 1º premio do concurso da Festa da Empanada 2022 na categoría de afeccionados. 

Novas relacionadas