A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS tivo coñecemento dunha “nova situación de desatención provocada polo maltrato sistémico e sostido que vive o sistema sanitario desta área sanitaria, e neste caso, unha vez mais, a Atención Primaria pediátrica”.
Explican que “ao longo da última semana téñense detectado, cando menos, 4 casos de Escarlatina na vila de Lalín e arredores que non están podendo ser diagnosticados e, consecuentemente tratados, adecuadamente”.
Aluden a que ·”a razón pola que isto se está producindo non é mais que, por un lado, a ausencia sostida de pediatras no Centro de Saúde e no PAC de Lalín, no cal nin pola tarde nin os fins de semana se dispón de medicina pediátrica e, por outro, a rotura de stock de tests diagnósticos, moi probablemente pola deficiente previsión por parte das persoas e departamentos responsables de aprovisionamento de medicamentos e artigos médicos nesta Área Sanitaria”.
A Asociación remite o testemuño dunha persoa, E.R.V., que reproducimos a continuación:
“ O sábado 11 de febreiro acudo ao PAC de Lalín co meu neno de 8 anos que presenta sintomatoloxía compatible con Escarlatina e ademais é altamente probable que o sexa porque o seu irmán pequeno está con esta infección dende hai dous días.
No caso do pequeno, acudimos ao centro médico durante a semana e pola mañá, razón pola que foi atendido por unha pediatra como corresponde. Con todo, a atención foi incompleta ao non poder ser confirmado o diagnóstico mediante test de Streptococcus do grupo A, xa que segundo nos din os facultativos, dende hai días non os teñen en ningún centro de atención primaria, nin nos PAC. Sen embargo, como a clínica que presenta é clara, considérase como tal.
Dous días despois, o maior comeza a presentar os mesmos síntomas, polo que acudimos ao PAC por ser sábado. Chegamos alí, encontrámonos sen pediatra e con un médico de garda cuxa intervención se limita a indicarnos que tome antibiótico sen ter un diagnóstico claro por falta de auscultación e por no dispoñer de test. Pedímoslle que nos derivase a urxencias do CHUS para poder facerlle o test e unha diagnose adecuada, petición que nos é rexeitada, polo que decidimos de maneira unilateral acudir ao servizo de urxencias pediátricas do Clínico, para asegurar o diagnóstico e proceder co tratamento adecuado sen acceder ao uso irracional de antibióticos, en caso de que non se confirmase a infección.
Chegamos a urxencias do CHUS e fomos tratados de maneira moi profesional así como testemuñas da sobrecarga á que están sometidos os insuficientes facultativos do servizo de urxencia pediátrica. A chegada foi en torno ao mediodía e obtivemos os resultados ás 17h. Case cinco horas nas que os nenos infectados estiveron na sala de espera con outros nenos e nenas, co risco de coinfeccións que iso representa. No período de tempo que estivemos alí vimos como chegaba un neno máis da mesma zona coa mesma sintomatoloxía, alegando tamén que non tiñan sido atendidos por pediatría no PAC de Lalín, porque non o había.
Finalmente, o noso neno saíu positivo na infección por estreptococo do grupo A, causante da escarlatina e só puidemos confirmalo, desprazándonos a 70 km da nosa casa (pois vivimos en outro concello do Deza que non é o pobo de Lalín) cando tiña que ter sido feita a 15km”.
Dende a Asociación de Pacientes do CHUS din que “ao igual que esta persoa todas as que acoden en busca de atención urxente pediátrica na comarca do Deza (con unha poboación total de máis de 40.000 persoas e dous Puntos de Atención Continuada activos, Lalín e Silleda), vén vulnerado sistemática e reiteradamente o seu dereito á atención sanitaria de calidade e no tempo requirido, poñendo en grave risco a saúde de toda a poboación pediátrica”.
Para a asociación resulta “intolerable e inmoral que as autoridades sanitarias competentes, en lugar de cumprir as súa obriga legal de poñer os medios precisos para a defensa da saúde da infancia nas zonas de atención primaria previstas para elo, se enzarcen nunha guerra de competencias que ten como resultado a inactividade fronte a demanda de atención sanitaria que non pode, nin debe ser o escenario dunha guerra partidaria que usa a nosa saúde como campo de batalla e nos convirte en mercancía electoral”.
Anuncian que, pola súa banda, seguirán denunciando “o reiterado, consciente e premeditado abandono institucional sanitario ao que as e os decisores/as políticos/as están sometendo á cidadanía galega, en xeral e á residente no rural, en particular”.