O Concello de Silleda vén de desvincularse da empresa que tiña adxudicado o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A firma Pedroso y Rojas presentou un escrito solicitando a resolución do contrato pola imposibilidade de asumir o seu custe económico, e que se fará efectiva o vindeiro luns día 31.
O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, mantiveron un encontro cos responsables da empresa, que amosaron a súa vontade de cooperar e trasladarao Concello de Silleda á maior brevidade toda a documentación relativa ao personal.
“Dende o Concello estamos xa a traballar na mellor solución tanto para as traballadoras do servizo como para as persoas usuarias”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, garantindo a prestación “dun servizo esencial para os nosos veciños e veciñas”.
Dende os servizos xurídicos do Concello estase tamén a traballar ante a nova situación do servizo.
O pasado día 30 de decembro, Cuiña e outros membros do goberno mantiveron unha xuntanza cas representantes sindicais das traballadoras para analizar cuestións técnicas relacionadas ca situación contractual da empresa concesionaria do servizo despois de que a central sindical denunciara o impago e retraso nas nóminas.
Dende o goberno municipal Manuel Cuiña explicou xa daquela que os servizos técnicos estaban a estudar distintas cuestións e que se analizará toda a documentación que presentara e o personal para tratar de dar solución á problemática existente, ademais de explicar todos os pasos dados polo Concello de Silleda dende que se coñeceron os embargos á empresa por parte da Seguridade Social.